
COMPRO OURO.
Durante gran parte do tempo que dura a nosa infancia, sobre todo durante a adolescencia, o sistema capitalista prepáranos para que a competitividade forme parte permanente da nosa curta ou longa vida.
O éxito do individuo está vinculado case sempre ao seu poder económico ou, no seu defecto, á frecuencia de exposición na “caixa parva” ou, xa neste século XXI, nas redes sociais.
En demasiados momentos da vida temos a obriga de someternos á encomiable tarefa de xerar, xerar e xerar diñeiro de maneira permanente, a maioría das veces para o consumo constante de necesidades impostadas; outras, para o aforro sistemático que, no futuro, nos permitirá satisfacer o voraz apetito de posesión.
Traspasado ese período de ofuscación e esforzo por conseguir o ansiado e irreal “estatus social”, un de súpeto sente que esperta, cre ser máis listo ca o resto dos mortais e, baixo o influxo da xa caducada rebeldía e da transgresión adolescente, decide comezar a cambiar o rumbo da súa existencia e descobre que, O tempo tamén se compra
Ah… se fose tan sinxelo! Unha vez pasados os primeiros momentos de novidade, gozando dese tempo adquirido para un mesmo, deses días cheos de reflexión e coñecemento interior, de súpeto un pequeno ou grande imprevisto económico fai saltar polos aires o noso actual “modus operandi”.
A loita por non fraquear, por non sentir nostalxia de tempos economicamente mellores comeza a acosarnos, pero debemos manternos firmes: é o que desexabamos noutrora e o que posuímos hoxe.
Sexamos fortes, non lle deamos ao capital o gusto de absorbernos. É verdade que é difícil, que se complica, pero aguantemos a embestida con dignidade e reafirmemos esa decisión tomada no pasado. Ao fin e ao cabo nin a ciencia sabe o valor do tempo.
Será que estamos en posesión da razón e somos os novos ricos?

